poñente

Nome xenérico que recibe o vento do oeste. Dita denominación alude ao feito de que sopra de onde se pon o sol. Na península ibérica é un vento de procedencia atlántica, fresco e húmido en orixe, pero a medida que vai atravesando -de oeste a leste- o territorio peninsular e os diferentes obstáculos montañosos que xalonan o seu percorrido, o aire que despraza vai perdendo humidade e aumentando de temperatura, convertíndose nun vento seco e recalentado ao chegar ao litoral mediterráneo. Na rosa náutica usada na zona, o vento de poñente aparece enfrontado ao de levante, soprando ambos os dous en sentidos contrarios. Ambas as dúas denominacións son de uso común nese ámbito xeográfico, expresándose tanto en castelán como en catalán (ponent e llevant). O poñente que sopra no estreito de Xibraltar e arredores presenta características opostas a un e outro lado. Mentres que no litoral atlántico gaditano chega coas súas características orixinais (suavidade térmica e elevada humidade), nas costas de Málaga incide xa como un vento desnaturalizado, provocando na zona un importante aumento da temperatura e unha gran sequidade ambiental.

Termos relacionados: levante