Meteosat

Programa europeo de satélites meteorolóxicos xeoestacionarios desenvolvido por EUMETSAT (a organización europea encargada da explotación dos satélites meteorolóxicos) e operados por esta organización, en colaboración coa Axencia Espacial Europea (ESA), que se encarga dos seus lanzamentos. O primeiro satélite da serie foi o Meteosat-1, que foi lanzado o 23 de novembro de 1977. Tomou as súas primeiras imaxes o 9 de decembro daquel ano e, desde entón, tanto el como o resto de satélites Meteosat que foron poñéndose en órbita non deixaron de suministrar datos meteorolóxicos de Europa e África -a través das imaxes que capturan- desde a posición privilexiada que ocupan, a uns 36000 quilómetros de altitude, na vertical do golfo de Guinea, onde a liña do ecuador corta ao meridiano cero. A unha primeira serie de sete satélites (do Meteosat-1 ao 7), que xa cumpriron a súa vida útil, seguiu unha segunda xeración deles (MSG), de catro satélites, con maiores prestacións, deseñados para atender as necesidades do nowcasting (predición inmediata) e a predición numérica do tempo. O primeiro deses satélites (Meteosat-8 ou MSG-1) empezou a operar o 29 de xaneiro de 2004, e seguíronlle os outros tres que completan a serie (o MSG-4 foi posto en órbita en xullo de 2015). A continuidade dos servizos que suministran os MSG está asegurada durante as próximas décadas grazas á terceira xeración de satélites Meteosat (MTG), cuxa primeira unidade se lanzou ao espazo en 2022.