fronte
Zona de separación entre dúas masas de aire, de marcado carácter dinámico, na que habitualmente se forma unha estrutura nubosa alongada e estreita, que adoita deixar precipitacións ao seu paso. As frontes están asociadas ás borrascas que discorren por latitudes medias. Nos mapas isobáricos onde aparecen trazadas, cada liña grosa que representa unha delas indica a zona de intersección dunha determinada superficie frontal coa superficie terrestre. Aínda que en sentido estrito unha fronte non é o mesmo que a citada superficie frontal, é común identificar ambos os dous conceptos. Como regra xeral, unha fronte en movemento recibe o nome correspondente á masa de aire que se despraza fronte fría e fronte cálida. A teoría que explica a súa formación e o ciclo vital dos ciclóns extratropicais que os xera foi desenvolvida na segunda década do século xx por Jacob Bjerknes (1897-1975), en colaboración co seu pai Vilhem [Bjerknes] (1862-1951). Tomou o nome de «fronte» da linguaxe militar, ao relacionar o seu aspecto co das primeiras liñas de soldados nas batallas da Primeira Guerra Mundial.