fronte cálida

Fronte que resulta do deslizamento dunha masa de aire cálido sobre unha de aire frío. Nos mapas do tempo correspóndese coa liña de intersección da superficie frontal cálida (SFC) e a superficie terrestre. A citada SFC é a zona de separación entre unha masa de aire frío (dianteira) e unha cálida (traseira). Graficamente, represéntase cunha liña vermella grosa con semicírculos tamén vermellos intercalados nela, orientados no sentido de avance da fronte. Nas frontes cálidas dominan as nubes estratiformes, de gran extensión horizontal. As precipitacións asociadas a elas son de intensidade variable e intermitentes, producíndose por diante da posición onde aparecen trazadas nos mapas. Nun sistema frontal, sitúase por diante da fronte fría.