derecho
Ventos moi intensos e con refachos que xorden ao longo dunha liña de treboada severa, que pode chegar a alcanzar varios centos de quilómetros de longo e se despraza con rapidez sobre o terreo. Eses ventos, de efectos devastadores, son a consecuencia do conxunto de reventóns que deixan ao seu paso as tormentas que forman esa estrutura en liña, asociada a maioría das veces a un sistema convectivo de mesoescala. A diferenza cun frente de refacho é que, no caso do derecho, os ventos son sostidos e aumentan por detrás da liña tormentosa. Os derechos poden levar tamén asociados tornados e dar lugar a fortes precipitacións e inundacións repentinas (flash floods). O termo exprésase en español internacionalmente, igual que ocorre co fenómeno de El Niño. Foi empregado por primeira vez polo químico de orixe alemá Gustavus Detlef Hinrichs (1836-1923), nun traballo publicado en 1888 na revista American Meteorological Journal . Nomeou así ao fenómeno atmosférico que observara no estado de Iowa (EE UU) o 31 de xullo de 1877; violento coma un tornado, pero de diferentes características. Mentres que o tornado xera ventos rotatorios ao seu redor, no caso do derecho, os ventos «van dereitos» (de aí o seu nome) unicamente na dirección de desprazamento da liña de treboada.