asimilación

Primeiro proceso que se leva a cabo na execución dun modelo numérico de predición, consistente na determinación dos campos iniciais das distintas variables meteorolóxicas que integra o modelo, de maneira tal que se obteña a mellor análise de partida. Mediante métodos variacionais que esixen unha gran cantidade de cálculos matemáticos, establécese o estado inicial do modelo (datos asignados a cada punto da malla) a partir das observacións dispoñibles (de distintos tipos e distribuídas de maneira irregular por toda a Terra) e as predicións destas na anterior saída do modelo. A asimilación de datos é o proceso en que máis tempo de cálculo empregan os potentes ordenadores encargados de executar os modelos de circulación xeral da atmosfera.