brisa

A palabra ten varias acepcións meteorolóxicas. Por unha banda, é a forma máis común de chamar a un vento frouxo. Por outra, alude ao vento local de ciclo diario e orixe térmica, debido ao quecemento ou arrefriamento desigual da superficie terrestre. Na costa alternan a brisa de mar (virazón, mariñada) durante o día e a de terra (terral) durante a noite; nas montañas, a brisa de val diúrna (vento anabático) e a de montaña nocturna (vento catabático). O termo tamén aparece na escala anemométrica de Beaufort, para nomear os ventos comprendidos entre forza 2 e 6, acompañado dos cualificativos: «moi débil», «débil», «moderada», «fresca» e «forte». En Honduras e Colombia é sinónimo de chuvisca.

Termos relacionados: fresquiño, oral, bonancible, brisa de mar