brisa de mar

Vento que sopra de día nas costas e as súas inmediacións, desde o mar cara á terra. Esta brisa débese ao desigual quecemento da superficie mariña (ou dun lago) fronte á terra firme. A capacidade calorífica da auga é moito maior que a do chan, de aí que o medio mariño consiga absorber a radiación infravermella solar sen apenas elevar a súa temperatura, cousa que non ocorre no medio terrestre. Pola mañá, segundo gaña altura o sol, o aire pegado ao chan quéntase con rapidez, e ao diminuír a súa densidade comeza a elevarse. O seu lugar é ocupado por aire máis fresco de procedencia marítima, o que dá inicio á brisa de mar. Co paso das horas, vai aumentando de intensidade, alcanzando os maiores refachos -de ata 40 km/h- entre as catro e as cinco da tarde. A partir dese momento, a brisa afrouxa, ata deterse por completo ao solpor.

Termos relacionados: brisa