Climatoloxía

Rama da Xeografía Física dedicada ao estudo dos climas, tanto a nivel descritivo como no que respecta aos seus cambios a longo prazo e ás distintas causas que os determinan. Entre as súas misións está a recompilación e o tratamento estatístico de datos meteorolóxicos, o que permite definir e caracterizar os distintos climas e clasificalos segundo determinados criterios. É habitual confundir Climatoloxía con Meteoroloxía, aínda que se trata de dúas ciencias distintas, que perseguen obxectivos diferentes. É moi común usar a expresión «climatoloxía adversa» para referirse ao tempo meteorolóxico adverso, e tamén aludir ás «condicións climatolóxicas» en lugar de ás meteorolóxicas, o que pon de manifesto o mal uso que moitas persoas fan dos conceptos tempo e clima (Meteoroloxía e Climatoloxía). O estudo do cambio climático impulsou esta rama do saber, converténdoa nunha disciplina científica emerxente, á que se dedican na actualidade miles de científicos en todo o mundo. A palabra climatoloxía referida a un lugar tamén se utiliza para identificar o conxunto de datos estatísticos que caracterizan o seu clima.