estabilidade

Referida á atmosfera, representa o seu estado de equilibrio hidrostático. A estabilidade atmosférica contribúe a frear calquera posible ascenso de aire que puidese acontecer, imposibilitándoo cando, para calquera nivel de atmosfera que consideremos, o aire situado por riba sexa menos denso que o situado nese nivel ou por debaixo. Os anticiclóns invernais son un claro exemplo de estabilidade atmosférica. Pode ocorrer que o aire situado abaixo teña unha menor densidade que o de arriba; en tal caso, haberá tamén estabilidade atmosférica se cando ese aire da parte inferior intenta subir -ben pola propia flotabilidade ou por un forzamento-, ao ir arrefriándose, segundo se eleva, acada rapidamente a temperatura ambiente no novo nivel, deixando, en consecuencia, de ascender. A nube convectiva que puidese formarse non acadaría gran desenvolvemento vertical, véndose freado o seu crecemento.