simún

Vento ardente, cargado de po e area, que sopra ás veces na parte oriental do Sáhara, Palestina, Siria, Xordania e tamén pola península arábiga. Os habitantes desas zonas teñen que se protexer del, xa que o aire que arrastra pode alcanzar temperaturas superiores aos 50 ºC, sendo extremadamente seco (humidade relativa inferior ao 10 %), polo que a exposición a el pode resultar fatal, provocando en animais e persoas un efecto de asfixia e hipertermia. Reduce a visibilidade a uns poucos metros e nas zonas de pel expostas a el fórmanse ampolas. É máis frecuente nos meses de verán e adoita xerar unha nube alaranxada que se despraza polo deserto a gran velocidade, provocando na súa parte dianteira unhas rachas moi violentas e perigosas. O historiador e xeógrafo grego Herodoto (século v a. C.) descrébeo como o vento vermello. A súa orixe etimolóxica atópase na voz árabe samûm, que á súa vez procede de samm , que traducimos como «vento velenoso».