fenoloxía
Campo de estudo das pautas periódicas nos comportamentos dos seres vivos, en relación co tempo e o clima. Das plantas obsérvanse cousas como as datas nas que abrochan determinados arbustos, a aparición das flores, a época na que maduran os froitos ou a da caída da folla. No que respecta aos animais, anótanse as datas da migración das aves, as dos primeiros cantos de determinados paxaros, a época de celo ou a da aparición de determinados insectos. O termo foi usado por primeira vez polo botánico belga Charles François Antoine Morren (1807-1858), en 1853, aínda que este tipo de observacións remóntanse moito máis atrás no tempo, a varios séculos antes de Xesucristo, cando os chineses xa elaboraban calendarios fenolóxicos.