ciclón

Zona de baixas presións na atmosfera, dotada dun movemento rotatorio, que se caracteriza pola presenza de abundante nubosidade, ventos e precipitacións intensas. A presión diminúe dende fóra cara a dentro, alcanzándose o valor mínimo na súa parte central. O termo acuñouno o científico e mariño anglo-hindú Henry Piddington (1797-1858). Referiuse a el por primeira vez en 1840, para nomear a senllos ciclóns tropicais de efectos devastadores que aconteceron en augas do océano Índico na súa época. A palabra deriva do termo grego kyklón , que traducimos como arremuiñarse ou dar voltas, e que no caso que nos ocupa alude ao carácter xiratorio do sistema depresionario. Aínda que ciclón é un termo xenérico, válido para calquera lugar da Terra, chámase así ao ciclón tropical que se forma na conca do océano Índico e na parte occidental do Pacífico Sur.