fronte fría
Fronte que se forma como consecuencia do empuxe dunha masa de aire frío contra unha de aire cálido, penetrando baixo ela a modo de cuña e forzándoa a ascender de forma impetuosa. Nos mapas do tempo correspóndese coa liña de intersección da superficie frontal fría (SFF) e a superficie terrestre. A citada SFF é a zona de separación entre unha masa de aire cálido (dianteira) e unha fría (traseira). Graficamente, represéntase cunha liña azul grosa con triángulos tamén azuis que apuntan no sentido do avance da fronte. A nubosidade asociada a ela é cumuliforme, deixando precipitacións en forma de chuvascos, ocasionalmente tormentosos. Ao paso da fronte fría despéxanse bastante os ceos, como consecuencia da entrada da masa de aire frío, o vento xira a compoñente norte e sobe de forma brusca e acusada a presión atmosférica. Nesa zona traseira prodúcense ás veces chuvascos (posfrontais). Por diante da fronte fría sitúase a fronte cálida, separadas ambas por unha zona denominada sector cálido. O empuxe do aire frío traseiro fai que a fronte fría viaxe a maior velocidade que a cálida. Cando a alcanza e a supera, fórmase unha fronte ocluída ou oclusión.
Termos relacionados: nariz