fronte estacionaria
Fronte fría ou cálida que deixa de avanzar e se detén, permanecendo inmóbil durante un longo período de tempo, que pode ser desde unhas horas ata varios días. Esa circunstancia ocorre cando o empuxe da masa de aire traseira se ve freado en seco pola dianteira. Esta situación dáse, ás veces, cando unha fronte se aproxima a unha cordilleira. O obstáculo montañoso consegue frear o avance da fronte e esta queda ancorada a barlovento, o que orixina precipitacións persistentes na zona. Unha fronte tamén se pode volver estacionaria cando na zona de separación das dúas masas de aire -onde se sitúa a fronte- quedan equilibrados dous fluxos de aire que sopran na mesma dirección, pero en sentidos opostos. Ás veces, o equilibrio de forzas entre as dúas masas de aire non é perfecto e desprázanse lixeiramente; en tales casos temos o que se coñece como unha fronte semiestacionaria. Nos mapas do tempo, as frontes estacionarias represéntanse cunha liña grosa na que se alternan semicírculos vermellos e triángulos azuis, apuntando uns e outros en sentidos opostos.