veleta
Dispositivo que indica ou rexistra a dirección de onde sopra o vento. Está formado por unha peza metálica, normalmente en forma de saeta, que xira libremente arredor dun eixo vertical. As veletas usadas nos observatorios meteorolóxicos instálanse sobre un brazo horizontal adosado á torre anemométrica. A punta da frecha ten un contrapeso e apunta en todo momento ao lugar de onde está soprando o vento. No extremo contrario hai unha placa plana vertical, sobre cuxas dúas caras incide alternativamente o vento, o que fai xirar a veleta. Grazas a un dispositivo electrónico, ese movemento queda rexistrado e dispónse dos datos da dirección que vai tendo o vento. Nas veletas tradicionais, tanto esa aleta traseira como o resto do dispositivo teñen motivos ornamentais. O soporte vertical arredor do cal xira a veleta leva adosadas catro varas metálicas orientadas aos catro puntos cardinais, coas iniciais destes, o que permite levar a cabo a observación, que neste caso é unicamente visual. Hai un tipo de veleta (veleta wild ) que, aparte de indicar a dirección do vento, permite estimar a súa intensidade, grazas a unha prancha metálica basculante que se despraza como un péndulo, elevándose máis ou menos en función do vento. A veleta chámase tamén gobernalla.