STEVE

Acrónimo de Strong Thermal Emission Velocity Enhancement, que se pode traducir ao galego como «forte aumento da velocidade de emisión térmica», e que dá nome a un fenómeno óptico atmosférico que se produce ocasionalmente na alta atmosfera e presenta certa similitude cunha aurora polar. Trátase dunha banda alongada luminosa brillante de cor violeta e non existe aínda unha explicación completamente satisfactoria do fenómeno. A partir de datos de satélite púidose determinar que o STEVE está formado por un plasma a unha temperatura maior de 3000 ºC que flúe a gran velocidade, confinado nesa estrutura alongada duns 25 km de anchura, formada a algo máis de 400 quilómetros de altitude. En ocasións, o STEVE aparece xunto a unha aurora de cor verde das que presentan unha estrutura denominada «cerca de estacas», o que permite deducir que ambos os dous fenómenos están interrelacionados.