carazo

Acumulación de xeo branco, de textura irregular e dureza variable, sobre unha superficie sólida e fría exposta ás pinguiñas de auga subfundida dunha néboa xeante. Este hidrometeoro pode adquirir diferentes formas, tales como plumas ou agullas de xeo, e en ocasións pode estar constituído tamén, en parte, por xeo transparente. Cando as citadas pinguiñas entran en contacto cos elementos do terreo (árbores, arbustos, postes, valados…), conxélanse de inmediato. A acumulación de xeo dá lugar a unhas estruturas alongadas que resultan da superposición de láminas e que medran en sentido contrario ao que sopra o vento. A paisaxe resultante adquire un aspecto similar a un nevado. A descrición anterior correspóndese co chamado carazo branco, en contraposición ao duro, que abunda en alta montaña, onde as condicións meteorolóxicas son máis extremas. Os fortes ventos e as baixas temperaturas reinantes -de ata varios graos baixo cero- propician a formación de agullas de xeo moi duro e de grande tamaño, podendo alcanzar ata varios decímetros de lonxitude. Dependendo dos lugares, refírense ao carazo tamén como cencella ou cenceñada.