neboeira

Hidrometeoro que consiste na suspensión na atmosfera de pingas de auga de tamaño microscópico -con diámetros de varias decenas de micras (entre 50 e 200 μ m)- ou partículas húmidas higroscópicas (embrións de pingas de nube). Pode ser considerado un caso particular de néboa, no que a visibilidade horizontal é igual ou superior a un quilómetro, ata alcanzar os dez. Nos informes meteorolóxicos aeronáuticos codifícase neboeira (BR) cando a citada visibilidade horizontal está comprendida entre 1 e 5 km. A neboeira enturba o aire, adquirindo este unha tonalidade grisácea ou azulada, non tan branquecina como a néboa, onde o diámetro das pingas é maior, así como a súa concentración. Mentres que a humidade relativa do aire nunha néboa se sitúa entre o 90 e o 100 %, nunha neboeira adoita estar comprendida entre o 80 e o 90 %. Adóitase falar de forma indistinta de neboeira ou bruma, aínda que ás veces se diferencian ambos os dous fenómenos, non polas súas consecuencias (redución de visibilidade) senón pola súa natureza. A bruma tamén é considerada un litometeoro (formado por partículas sólidas en suspensión), aínda que o máis común é identificala cunha neboeira mariña.

Termos relacionados: néboa, bruma