néboa xeante

Néboa formada maioritariamente por pingas de auga subfundida. Unha néboa convencional (constituída por minúsculas pingas de auga líquida) adquire esta condición cando a temperatura do aire descende por baixo de 0 ºC, momento a partir do cal a auga de moitas das pingas mantén a súa condición de líquido, pero pasa a estar en estado de subfusión, o que tamén se coñece como auga superarrefriada. As pingas resultantes cambian de estado ao instante, cando se ven sometidas a un cambio brusco de presión, converténdose en xeo. Dita circunstancia ocorre cando as citadas pingas (xeantes) impactan sobre calquera obxecto ou superficie exposta a elas, o que remata formando uns depósitos de xeo que constitúen o fenómeno da cencellada.