néboa

Hidrometeoro consistente na suspensión de pingas de auga de pequeno diámetro, habitualmente microscópicas, que reducen a visibilidade horizontal ao nivel da superficie terrestre por debaixo dun quilómetro. Esa distancia máxima de visión marca o límite entre a néboa e a brétema. Fóra do contexto meteorolóxico, o termo tamén se emprega para referirse, por exemplo, ao sinal que recibe unha televisión cando non hai sintonizada unha canle, á visión borrosa que provoca a entrada de po nun dos nosos ollos, ou como sinónimo de misterio ou incerteza. Volvendo ao fenómeno meteorolóxico en si, a néboa é, na maioría dos casos, unha nube do xénero Stratus , cuxa base coincide coa superficie terrestre, podendo xurdir tanto sobre o mar como sobre terra firme. As néboas pódense clasificar atendendo a diferentes criterios. Se o que se ten en conta é o mecanismo de formación destas, poden considerarse tres tipos principais: 1) advección; 2) evaporación; e 3) radiación (ou irradiación). Dentro de cada unha destas categorías inclúense, á súa vez, tipos específicos de néboas, tal e como se detalla nas seguintes entradas.

Termos relacionados: neboeira