hectopascal (hPa)
Unidade de presión que equivale a 100 pascais. O pascal (Pa) é a unidade de presión no Sistema Internacional (SI). Un pascal é igual á presión que exerce a forza dun newton (1 N) sobre unha superficie dun metro cadrado (1 Pa = 1 N/m2 ) Nese sistema de unidades, a presión atmosférica exprésase en hectopascais. Un hectopascal (1 hPa) é equivalente a un milibar (1 mb). En Meteoroloxía, tradicionalmente a presión expresábase en milibares, pero a progresiva adopción do SI fixo que esa unidade caia en desuso, impoñéndose o hectopascal.
Termos relacionados: pascal (Pa)