néboa de advección
Néboa que se forma ao desprazarse unha masa de aire cálido e húmido sobre unha superficie fría. As néboas de advección son habitualmente néboas marítimas que, impulsadas polos ventos locais (réxime de brisas), chegan a estenderse por determinadas franxas costeiras, penetrando terra adentro. A diferenza das néboas de radiación, as de advección son dinámicas (desprázanse) e non seguen o ciclo día-noite, polo que poden xurdir en calquera momento dunha xornada, cando se dean as condicións propicias para iso. A súa duración é moi variable, podendo chegar a persistir varios días seguidos. O proceso físico que orixina este tipo de néboas é a condensación. O aire cargado de humidade alcanza a súa saturación ao entrar en contacto cunha zona mariña onde as augas superficiais están frías, ou ao desprazarse sobre un chan tamén frío. A néboa de advección pode formarse directamente sobre o mar e desde alí desprazarse a terra, ou pode facelo só sobre terra firme, cando se desliza sobre ela unha masa de aire húmido inicialmente sen saturar, que alcanza a súa saturación ao arrefriarse, segundo vai entrando en contacto co chan. A condensación do vapor de auga tamén pode producirse cando se despraza unha masa de aire frío sobre unha superficie cálida, formándose nestes casos unha néboa advectiva.