punto de orballo
Temperatura á que debe arrefriarse un volume de aire, a presión constante e sen cambios no seu contido de vapor de auga, para alcanzar a saturación. Cando nunha rexión da atmosfera se alcanza o punto de orballo, comezan a formarse espontaneamente pingas de auga, como consecuencia da condensación do vapor de auga presente no aire. A nivel da superficie terrestre, dita circunstancia maniféstase coa aparición de orballo, neboeira, néboa ou -se a temperatura é o suficientemente baixa- xeada. O punto de orballo pode calcularse a partir dos valores da temperatura e a humidade relativa do aire. Nas ecuacións matemáticas de termodinámica da atmosfera adoita expresarse como Td (o subíndice fai alusión a dew ; orballo en inglés).
Termos relacionados: rosada
Tamén coñecido como: temperatura de orballo