sementeira de nubes
Conxunto de técnicas destinadas a modificar a estrutura das nubes, ben causando a súa disipación, estimulando a precipitación, ou inhibindo os procesos de formación da sarabia. Para iso, empréganse determinadas substancias, como o ioduro de prata (Agl), o xeo seco (CO 2 en estado sólido) ou a diatomita (rocha de sílice de orixe orgánica), que, antes de incorporarse ás nubes, son dispersadas no aire, grazas á acción de queimadores emprazados no chan (canón granífugo), foguetes lanzados desde terra, ou pequenas aeronaves que portan unhas bengalas das que se desprende a substancia hixroscópica. A eficacia da sementeira de nubes varía en función de cal sexa o fin que se persiga; mentres que a disipación das néboas é exitosa a maioría das veces, no caso da estimulación de choiva artificial ou a supresión da sarabia, os resultados non son tan satisfactorios, existindo unha importante compoñente aleatoria no éxito ou o fracaso dunha intervención.