cavum

Trazo suplementario incorporado como novidade ao Atlas Internacional de Nubes da OMM na súa edición de 2017. Trátase dun burato ben definido, habitualmente circular ou elíptico, que perfora unha capa de cirrocúmulos ou altocúmulos, chegándose a ver a través del o ceo azul do nivel superior da atmosfera. En ocasións, esas cavidades presentan formas alongadas e é común que no seu interior haxa unha pequena e desfiada nube do xénero Cirrus , da que se descolga unha virga. Durante algún tempo, estes rechamantes buratos deron orixe a distintas teorías sobre a súa formación. En 2011 resolveuse o dilema, ao relacionar a maioría deles co paso de avións. Unha importante fracción desas capas nubosas está constituída por pingas de auga en estado de subfusión, que sometidas a un brusco cambio de presión se conxelan de inmediato e precipitan. Cando un avión na súa fase de despegue atravesa unha desas capas nubosas, ponse en marcha un proceso en cadea de conxelación das citadas pingas, que dá como resultado o burato, tamén coñecido internacionalmente como hole punch cloud .