Céfiro
Nome que na mitoloxía grega recibía o deus-vento do oeste, cuxo nome orixinal era Zéphyros . Era o vento benfeitor por excelencia, anunciador da primavera. Un vento temperado e apracible. Na Torre dos Ventos de Atenas aparece representado por un mozo co torso descuberto, que suxeita unha túnica -usada a modo de fardel- chea de flores. Unha das súas representacións máis coñecidas é a que aparece no cadro O nacemento de Venus , do pintor italiano Sandro Botticelli (1445-1510). Na mitoloxía romana era coñecido como Favonio (Favonius), en clara alusión á súa condición de vento favorable.