chuvasco
Precipitación forte e de curta duración, que comeza e remata de forma brusca, caracterizada tamén polos cambios rápidos na súa intensidade. Os chuvascos son xerados por nubes convectivas e poden ser de chuvia, neve ou sarabia. O tamaño das pingas, as folerpas ou as pedras de sarabia adoita ser maior que o que deixan outros tipos de precipitación. Forman parte da mesma familia de palabras outras como chuvascoso, chuvasquear, así como numerosos localismos. Emprégase tamén a variante chuvascada e, entre os seus sinónimos, os de uso máis común son aguaceiro, chaparrada e treboada.
Termos relacionados: aerosol(es)