choiva xeante
Choiva formada por pingas de auga subfundida, que se conxelan de inmediato ao impactar contra unha superficie; xa sexa o propio chan, como calquera obxecto situado sobre el, ou parte da fuselaxe e as ás dun avión en voo. En todos os casos, a consecuencia é a mesma: a formación dunha capa de xeo claro, duro e esvaradío. Unha choiva convencional convértese en xeante cando na súa caída atravesa unha capa de aire na que a temperatura é inferior a 0 ºC, en cuxo caso as pingas manteñen a súa condición de líquido, pero cambia a disposición das moléculas de auga, pasando a estar en estado de subfusión.