NOAA

Acrónimo de National Oceanic and Atmospheric Administration , que dá nome a un dos principais organismos mundiais dedicados ás ciencias atmosféricas. A Administración Nacional (dos EE UU) Oceánica e Atmosférica fundouse o 3 de outubro de 1970 baixo o mandato do presidente Richard Nixon (1913-1994) e é unha axencia científica dependente do Departamento de Comercio dos Estados Unidos. Entre as súas funcións está o subministro de datos e produtos (de análise e predición) con información relativa á atmosfera e aos océanos, así como a investigación básica e aplicada de cuestións moi diversas relacionadas coa hidroloxía, o tempo e o clima, os ecosistemas, o transporte e o comercio; tanto a escala rexional (para os EE UU) como global. A NOAA participa nun sinfín de estudos e proxectos sobre os furacáns, o cambio climático, os xeos polares ou as correntes mariñas, entre outros asuntos de interese meteorolóxico.