monóxido de carbono (CO)

Gas traza presente na atmosfera, producido pola combustión incompleta de derivados do petróleo, madeira, tabaco e aceites. Trátase dun gas incolor e inodoro cunha elevada toxicidade. Provoca a morte dunha persoa ao ser respirado en altas concentracións. É un dos principais gases contaminantes das grandes cidades, estando constantemente monitorizado polas redes de vixilancia da calidade do aire. A súa concentración mídese en partes por millón (ppm). A exposición prolongada a uns niveis de CO de entre 1 e 70 ppm non supón ningún problema para a saúde, pero por riba das 70 ppm comezan a experimentarse síntomas como a fatiga, a dor de cabeza e as náuseas. A partir das 150 a 200 ppm, o risco de morrer ao inhalar un aire viciado deste gas é moi elevado.