clima de montaña
Caracteres climáticos propios das zonas de montaña, debidos ao factor altitudinal. Na clasificación climática de Köppen aparece catalogado como clima de alta montaña, co identificativo EH. Considérase como tal o clima de lugares situados por riba dos 2000 metros sobre o nivel do mar. Vén caracterizado por invernos longos e fríos, nos que a temperatura con frecuencia é inferior aos 0 ºC, e veráns curtos e frescos. Tamén destaca por ter un réxime de ventos propio, baixas presións atmosféricas, precipitacións orográficas e unha radiación solar maior que en zonas menos elevadas, onde chega máis atenuada.