Lift Index
Índice teórico, coñecido en aeroloxía pola sigla LI (Lift Index), que permite estimar o grao de inestabilidade atmosférica, a partir da información suministrada por unha radiosondaxe. Defínese como a diferenza alxébrica entre a temperatura observada no nivel de 500 hPa (nivel intermedio da troposfera) e a que ten unha burbulla de aire que ascende adiabaticamente desde as proximidades da superficie terrestre até dito nivel. Se o índice é positivo (LI > 0), o contorno é termodinamicamente estable e a posibilidade de que se dispare a convección e se formen tormentas é practicamente nula. Os valores negativos do índice de elevación (LI < 0) indican que hai inestabilidade. Canto máis negativo sexa, máis intensa será a convección. Para valores de LI comprendidos entre 0 e –3, o aire non é termodinamicamente moi inestable, polo que as tormentas que poidan formarse non serán moi destacadas. Se o índice de elevación toma valores entre –3 e –6, as tormentas poden ser fortes. Para valores de entre –6 e –9, a inestabilidade atmosférica é notable, favorecéndose o desenvolvemento de tormentas severas, con alta probabilidade de sarabia. Por último, se LI < –9, o contorno será de inestabilidade extrema, favorable para o desenvolvemento de supercélulas e tornados.