lidar

Instrumento ou técnica baseada en tecnoloxía láser que se usa en Meteoroloxía. A palabra -expresada en galego tamén como lídar- é o acrónimo de Laser Imaging Detection And Ranging (LIDAR). Mediante a emisión de pulsos dun feixe láser, o dispositivo lidar é capaz de determinar a distancia a un determinado obxecto ou superficie, grazas á medida do tempo que transcorre desde que se emite un deses pulsos ata que se detecta o sinal reflectido. Entre as aplicacións meteorolóxicas destes instrumentos destacan, por exemplo, a medida do teito de nubes nos aeroportos (nefobasímetro), a caracterización dos aerosois en columnas atmosféricas e as medidas do vento en altura.