estación meteorolóxica

Lugar onde se efectúan observacións meteorolóxicas, tamén coñecido como observatorio (sobreentendendo que meteorolóxico). Dependendo das súas características, dos instrumentos dos que estea dotado e do tipo de medidas que se efectúan nel, recibe diferentes denominacións. As máis completas das que dispoñen os servizos meteorolóxicos son as estacións sinópticas principais, nas que se realizan observacións diarias a unha serie de horas establecidas internacionalmente, o que garante a simultaneidade das medidas en todas as estacións da rede, tanto a escala nacional como mundial. Os parámetros que se miden son a temperatura e o contido de humidade do aire, a presión atmosférica, o vento, a precipitación, a cobertura nubosa, o teito de nubes e o tempo presente na estación na última hora. Toda esa información transmítese codificada (clave SYNOP) a través do Sistema Mundial de Telecomunicacións da OMM. Nalgunhas destas estacións -un número reducido delas- realízanse tamén observacións aerolóxicas, para o cal se efectúan dúas veces ao día (ás 0 UTC e ás 12 UTC) lanzamentos de globos sonda, cos que se confeccionan sendos radiosondaxes. Hai tamén estacións sinópticas complementarias, nas que se levan a cabo observacións que atenden unha necesidade específica (agricultura, aeronáutica, contaminación…). A rede de estacións sinópticas complétase con outras como as de estacións pluviométricas e termopluviométricas (mantidas ambas por colaboradores) ou as de estacións automáticas (EMA).