néboa mexona
Forma coloquial e expresiva para referirse a unha néboa que molla. Nalgúns lugares chámana néboa chorreira. Cando as néboas son particularmente densas, as colisións entre as pingas son máis frecuentes, uníndose moitas delas entre si e dando lugar á formación de pingas de maior tamaño, aínda que inferior ás da orballa. Cando esas pinguiñas entran en contacto co chan e con calquera outro elemento exposto a elas, empápano coma se tivese chovido, formándose unha película con esas minúsculas pingas. Ao camiñar no seo dunha destas néboas, nótase o leve impacto das pinguiñas sobre o rostro.