Bóreas
Nome que na mitoloxía grega recibía o deus-vento do norte, e que dá orixe a palabras como borrasca, boira ou bora. Na Torre dos Ventos de Atenas aparece representado como un ancián alado e barbudo, coa cabeleira solta e alborotada, abrigado cunha túnica e portando unha buguina na súa man dereita. Nas rosas dos ventos da Antigüidade, este vento frío e impetuoso identificábase co que sopra do nordés. O seu equivalente na mitoloxía romana era o deus-vento Aquilón.