borrasca

Forma común de chamar a unha área de baixa presión de latitudes medias, o que en linguaxe técnica é unha depresión ou ciclón extratropical. As borrascas levan asociadas abundante nubosidade, precipitacións e ventos fortes. O aire xira ao redor do seu centro en sentido antihorario no hemisferio norte e horario no sur. O termo tamén se utiliza como sinónimo de temporal, tempestade ou tormenta. É habitual asocialo ao «mal tempo», en contraposición ao anticiclón, que se identifica co «bo», aínda que non é recomendable empregar eses cualificativos; con frecuencia falsean a realidade meteorolóxica (por exemplo, cando hai seca, o «bo tempo» vén da man das borrascas que deixan choiva). A palabra provén do termo latino borras , que á súa vez ten a súa orixe etimolóxica en Bóreas, o deus-vento do norte na Antiga Grecia.