resiliencia
Forma ben planificada e organizada de levar a cabo unha serie de accións e tarefas destinadas á protección das persoas dos impactos do cambio climático e, en xeral, das continxencias provocadas polos fenómenos meteorolóxicos extremos e outros fenómenos naturais de alto impacto, como os terremotos ou tsunamis. Existen numerosos casos de éxito nalgunhas comunidades que puxeron como prioridade a seguridade dos seus cidadáns, mesmo en países en vías de desenvolvemento ou do terceiro mundo, onde os recursos económicos son escasos. Un bo exemplo diso son os protocolos que se poñen en marcha en Cuba -desde nivel nacional ata o local e veciñal- cando se anuncia o impacto na illa dun furacán. A devastación ao seu paso nunca se poderá evitar, pero grazas á resiliencia conséguese minimizar o número de vítimas, que sen ela podería dispararse considerablemente.