La Niña
Fase positiva do fenómeno climático ENSO. Antes de recibir este nome comezou a chamarse O Vello e o anti-El Niño, por presentar xustamente as condicións opostas a El Niño. Neste caso, a presión diminúe no lado occidental da franxa tropical da conca do Pacífico e aumenta no lado oriental. Como consecuencia diso, intensifícanse os ventos alisios, o que provoca o afloramento de augas frías profundas e o progresivo arrefriamento das augas superficiais do Pacífico ecuatorial. As anomalías de temperatura que se acadan son menores -e de signo contrario- que as que teñen lugar durante os episodios de El Niño. O fenómeno non ten unha duración fixa, podendo variar desde os 9 meses nos episodios máis curtos ata case 3 anos. A súa entrada en escena adoita acontecer a mediados de ano, acadando a súa máxima intensidade a finais, sendo neses primeiros seis meses de vida cando se manifesta cunha maior intensidade. Ao igual que El Niño, os seus impactos tradúcense en diferentes alteracións nos patróns meteorolóxicos e oceánicos non só na franxa intertropical do océano Pacífico, senón noutras zonas máis distantes do planeta.