IPCC
Sigla coa que se coñece o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático, tamén coñecido como Panel Intergobernamental do Cambio Climático. Trátase dun organismo internacional dependente das Nacións Unidas, fundado en 1988 pola Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). O seu principal cometido é a elaboración de avaliacións periódicas do estado dos coñecementos científicos, técnicos e socioeconómicos sobre o cambio climático, informando a sociedade das causas, os seus potenciais impactos e as estratexias a seguir para adaptarse a el e mitigar os seus efectos. Na confección dos informes de avaliación do IPCC participan miles de científicos e especialistas mundiais nas máis variadas disciplinas relacionadas co citado cambio climático.