choiva de sangue

Nome co que se coñece tamén a choiva de barro, debido á cor avermellada que adoita presentar, ao conter partículas de po dese color, ricas en óxidos de ferro. Este tipo de choivas sanguinolentas son relativamente frecuentes nos países ribeiráns do Mediterráneo, debido á cercanía do deserto do Sáhara; principal fonte dese material particulado. Antigamente, os nosos antepasados chegaron a pensar que chovía sangue de verdade do ceo, o que era considerado un sinal divino que presaxiaba malos augurios. En distintos lugares do mundo, hai documentadas choivas vermellas que non deben a súa coloración á area do deserto, senón a determinadas microalgas que liberan un pigmento dese color. As súas esporas incorpóranse ao aire e desprázanse grandes distancias, conseguindo nalgúns casos acadar a densidade necesaria para tinguir dese color a auga das pingas de choiva contidas nalgunhas nubes. Este segundo tipo de choivas de sangue encaixan mellor na categoría de choivas raras.

Termos relacionados: choiva de barro