barómetro aneroide

Barómetro que mide as variacións da presión atmosférica a partir das deformacións que ditos cambios provocan nas paredes elásticas e finas dunha cápsula metálica, pechada hermeticamente, na que se fixo un semibaleiro. As pequenas contraccións ou expansións da chamada cápsula aneroide impulsan unha panca mecánica que amplifica ditos movementos e os transmite a unha agulla, que é a que indica o valor da presión sobre un círculo graduado. Os barómetros deste tipo inclúen normalmente unha segunda agulla, que se acciona manualmente, destinada a marcar o valor da presión rexistrada nun observatorio próximo ao emprazamento. Comparando ese valor de referencia cos que vai marcando a agulla móbil, pode saberse en todo momento se a presión atmosférica está aumentando ou diminuíndo. Este barómetro foi inventado polo físico francés Lucien Vidie (1805-1866) en 1844.