UVI

Índice estandarizado en todo o mundo que asigna un valor numérico á intensidade da radiación ultravioleta que alcanza a superficie terrestre. Calcúlase a partir dunha fórmula matemática na que se integra, para o rango do espectro electromagnético situado entre os 250 e os 400 nanómetros, o produto da irradiancia espectral solar (a enerxía radiante que nos chega do sol) polo chamado «espectro de acción de referencia para o eritema». O número resultante permite saber que medidas de protección hai que adoptar para evitar danos na nosa pel por exposición ao sol. Para o cálculo do UVI pódense tomar medidas sobre o terreo cun espectrofotómetro e introducilas na fórmula matemática, ou pode determinarse a través dun detector de banda ancha calibrado e programado para tal fin.

Tamén coñecido como: índice UVI