tanque de treboada

Recinto subterráneo de grandes dimensións integrado na rede de alcantarillado dunha cidade, destinado a recoller o exceso de auga que deixan as precipitacións intensas, asociadas en moitos casos ás treboadas. Podemos comparalo cun xigantesco aljibe. As alcantarillas van conducindo a auga ata uns grandes colectores que están conectados cos tanques de treboada. Estes tanques poden estar colocados en liña ou en paralelo e conteñen varios elementos. O primeiro deles é a cámara central, que é onde chegan as primeiras augas procedentes do súbito aumento do caudal provocado pola elevada intensidade de precipitación. Trátase de augas residuais que hai que depurar de forma conveniente. A continuación, sitúase a chamada cámara de retención, que recolle a auga que xa non é capaz de almacenar a cámara central. Logo segue unha terceira cámara -a de alivio-, que vai desaloxando auga, e finalmente sitúase a cámara seca, destinada a regular o caudal de saída. O principal obxectivo dos tanques de treboada é reducir o risco de inundación nunha cidade por acumulación de auga procedente dun episodio de choivas torrenciais ou unha sarabiada de alta intensidade. Tamén se coñece como depósito pluvial.