METAR
Acrónimo de METeorological Aerodrome Report . Recibe este nome a clave ou mensaxe cifrada correspondente a un informe meteorolóxico rutineiro de aeródromo. Estes informes xéranse automaticamente e son revisados antes de seren emitidos; cada media hora ou unha hora, dependendo do tipo de aeródromo. Permiten coñecer cales son as condicións meteorolóxicas reinantes nos distintos aeroportos e bases aéreas. O METAR pode conter unha cantidade de información variable, pero sempre axustada ao mesmo formato, segundo as directrices establecidas pola OACI (Organización de Aviación Civil Internacional). O acceso a estes informes é público -a través de Internet-, non estando restrinxido aos pilotos.