lenticularis (len)

Vocábulo latino, diminutivo de lens/lentis (lente), que traducimos como lentella e que dá nome a unha das especies catalogadas no Atlas Internacional de Nubes da OMM. Esa especie nubosa só aparece nos xéneros Cirrocumulus , Altocumulus e Stratocumulus , e é facilmente recoñecible. As nubes lenticulares son alongadas, con forma de lentella ou améndoa e cos seus contornos ben definidos, moldeados polo vento intenso que sopra na súa parte superior. Adoitan ser nubes orográficas -sobre todo altocúmulos-, asociadas ao fenómeno de onda de montaña. Ás veces solápanse varios deses elementos nubosos achatados (variedade duplicatus ), dando como resultado unha nube de gran tamaño e vistosidade.