zona de converxencia intertropical
Franxa terrestre estreita de baixas presións situada no contorno do ecuador, onde converxen os ventos alisios de ambos os dous hemisferios. Coñécese internacionalmente coa sigla ITCZ, expresada nalgúns textos en castelán como ZCIT. Grazas ás grandes achegas de humidade debidas a esa converxencia e á elevada insolación, nesa zona medran xigantescas tormentas, que caracterizan o clima tropical. A ITCZ sitúase na súa maior parte ao sur do ecuador durante o inverno boreal e ao norte en verán. Esa báscula estacional, xunto ao efecto de Coriolis, debido á rotación terrestre, é responsable do cambio que ten lugar no réxime monzónico, distinto segundo a época do ano.