garita meteorolóxica
Pequena caseta de madeira, tamén chamada abrigo meteorolóxico, destinada a albergar parte dos instrumentos meteorolóxicos dun observatorio, co fin de protexelos da exposición á radiación solar directa, evitando así que estean á intemperie e conseguindo desta forma uns rexistros fiables. A garita homologada pola Organización Meteorolóxica Mundial é a de tipo Stevenson, da que existen varios modelos. Pintada de branco, as súas paredes e portas non son lisas senón de dobre persiana, o que permite a ventilación no seu interior, evitándose así un indesexado recalentamento ou arrefriamento artificial do aire. Os instrumentos que adoita conter son os termómetros de máxima e mínima, o psicrómetro, un termohigrógrafo e un evaporímetro de Piche. Todo ese instrumental debe estar situado a metro e medio por riba do chan, para o cal a base do abrigo se apoia en catro patas de lonxitude adecuada. A porta de acceso (nos modelos máis grandes son dúas) sitúase na parede da caseta orientada ao norte ou ao sur, dependendo do hemisferio terrestre en que estea situada, para evitar que ao abatela poida incidir directamente a luz do sol sobre os aparellos.
Tamén coñecido como: abrigo meteorolóxico