Cirrostratus (Cs)

Xénero nuboso pertencente á familia das nubes altas, con forma de veo branquecino, de aspecto leitoso, sendo ás veces tan tenue que é case transparente. A aparencia desta nube pode ser lisa e bastante uniforme, ou fibrosa, con trazas dispostas de forma irregular, similares a delicadas pinceladas de pintura branca. O Atlas Internacional de Nubes da OMM establece para este xénero nuboso dúas especies distintas (fibratus e nebulosus) e outras tantas variedades (duplicatus e undulatus). O Cirrostratus pode cubrir total ou parcialmente o ceo e localízase entre os 6 e os 12 quilómetros de altitude, no tramo superior da troposfera. Os cristais de xeo que o forman dan lugar con frecuencia ao fenómeno óptico do halo, cuxa aparición anticipa moitas veces a chegada da choiva a curto prazo, ao ser unha das nubes que preceden a unha fronte cálida.